Wednesday 01 de May de 2024

Mar Pereira destaca que a aposta pola tecnoloxía do Goberno galego permite á comunidade afrontar os desafíos da economía dixital


A Axenda Dixital de Galicia 2020 mobilizará máis de 1.500 millóns de euros para acadar unha administración máis áxil e próxima, reforzar os recursos territoriais, impulsar a dixitalización empresarial e estender infraestruturas asequibles e de alta calidade

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou en Barcelona que é o momento de avanzar un paso máis na mellora do benestar dos cidadáns, potenciando o uso da tecnoloxía para ofrecerlles servizos que respondan mellor ás súas demandas e que se adianten ás novas tendencias económicas e sociais.

Pereira, que participou no VIII CIO Forum de Vodafone no marco da Mobile World Congress, destacou que Galicia aborda esta nova etapa tras seis anos de políticas TIC, a través da Axenda Dixital de Galicia, 2014.gal, que no período 2009-2014 mobilizou 1.275 millóns de euros, entre capital público e privado. Unha axenda, sinalou, que se desenvolveu nun momento de crise económica e que puxo de manifesto tanto o compromiso da Administración como a capacidade do sector tecnolóxico da Comunidade.

A directora a Amtega lembrou que hai seis anos o Goberno galego marcou un punto de inflexión na xestión da tecnoloxía, converténdoa nun elemento transversal da Administración, apostando por un modelo de xestión integral coa creación da Amtega e a consolidación dun único Centro de Proceso de Datos Integral. Este modelo de xestión permitiu consolidar un aforro anual no gasto tecnolóxico de más de 7 millóns de euros.

ADG 2020: a aposta por unha economía dixital
Mar Pereira aposta por un modelo de crecemento vinculado á economía dixital que plasma na Axenda Dixital de Galicia 2020, presentada o pasado mes de xullo. Unha folla de ruta en materia tecnolóxica, resultado do esforzo conxunto de toda a Administración galega, así como dos axentes económicos e sociais e mesmo da propia cidadanía, que participou na súa elaboración.

A directora da Amtega indicou que o seu departamento, en colaboración coas consellerías, está a desenvolver xa 14 plans de actuación desta Axenda para consolidar a dixitalización da Educación, a Xustiza, do eido sociosanitario, dos sectores primarios e estratéxicos galegos e para proporcionar o acceso a todos os galegos de redes ultrarrápidas.

O sector TIC, chave na estratexia da Xunta
A directora da Amtega subliñou que a achega do sector TIC a través de proxectos tecnolóxicos transformadores é esencial, tanto para mellorar a eficiencia nas administracións públicas como para incrementar a competitividade no resto dos sectores produtivos

A directora da Axencia incidiu en que o sector tecnolóxico non só é obxectivo da Axenda, tamén foi e será partícipe para abordar iniciativas que permitan enfrontar os desafíos marcados nas outras catro liñas estratéxicas da nova Axenda 2020: conseguir unha Administración máis próxima á cidadanía, consolidando Administración dixital, máis útil, menos custosa e que preste máis e mellores servizos públicos; dar resposta aos cambios sociais derivados das novas tendencias tecnolóxicas para evitar a segunda fenda dixital e implantar novas solucións TIC que contribúan á sostibilidade do sistema dos servizos sociosanitarios.

Así como reforzar os recursos territoriais, empregando as TIC para desenvolver sistemas de transporte intelixente, de xestión innovadora dos recursos naturais, das emerxencias e a prevención de riscos, así como para modernizar o sector patrimonial, cultural e turístico; e conseguir unhas Infraestruturas asequibles e de alta calidade para todos, capaces de servir de soporte aos novos servizos dixitais avanzados.